O paseo de monte Boi é se cadra a senda máis apropiada para apreciar e esculcar os confíns marítimos de Baiona. Arrodea boa parte da base da fortaleza, nun percorrido de case 2 quilómetros que comeza sobre a praia da Cuncheira e conclúe baixo da torre do reloxo do fortificado, onda a porta real, tras salvar un pasadizo secreto.
Inaugurouse o 20 de xaneiro de 1995. Ten o firme de xabre e varios tramos cercados con bancadas de pedra e granito, materiais predominantes no ornamentado de todo o paseo. Unha vez que se emprende o camiño, o paseante ten oportunidade de admirar as praias de Cuncheira, Os Frades e Barbeira, as illas Estelas e Cíes, Monteferro, Panxón e praia América. Durante o percorrido descóbrese esparexidas unha morea de apracibles calas, algunhas con accesos habilitados mediante escalinatas de pedra, e dúas fornelas labradas na parede da muralla: a da Nosa Señora das Angustias (pasado Os Frades) e a de San Telmo, despois da torre do príncipe.
O plácido sendeiro avanza entre o mar, pausado ou axitado segundo a estación, e un monte vizoso de carballos, sabugueiros, freixos e, maiormente, piñeiros. Para repousar ten tres coidadas e ben distintas áreas de descanso, unha delas idílica (a da Figueira).