Dispostos en fervenza ao longo do Campo do Couto, nun contorno de notable beleza paisaxística, os muíños do Folón e O Picón constitúen un conxunto de grande interese cultural e etnográfico. Facendo uso da forza das aguas que baixaban polo monte, estas construcións empregábanse para os labores de moenda do millo e o trigo. Ademais, neles traballábase o liño e a la. A súa estrutura está dividida en dúas partes: o "termiñado" ou piso superior, e o "sarteio", espazo no que se xeraba a forza motriz que movía o muíño. Algúns dispoñen dun bebedoiro adxacente para o gando.
Os muros presentan marcas de diversa natureza: nomes, iniciais, datas, e cruces destinadas a protexer o muíño. Algunhas foron realizados polos canteiros que traballaron na súa construción. Outras atribúense aos seus donos ou arrendatarios.
Segundo lemos nunha inscrición, o máis antigo está datado en 1702, aínda que parece ser que o funcionamento destas instalacións está documentado desde o século XVII. A súa existencia nesta localización probablemente estea relacionada coa influencia dos monxes do Mosteiro de Santa María de Oia. Algúns muíños pertencían aos veciños, en réxime de propiedade comunal. Outros eran particulares ou compartidos por varias familias, e tamén os había arrendados.
O contorno dos muíños conta con varias rutas de sendeirismo, convenientemente sinaladas, que nos achegarán a outros puntos de interese da zona. Visitaremos, por exemplo, a próxima ermida de San Martiño ou a fervenza que se forma en época de chuvias no Río das Penas. Nas rocas dos camiños é fácil distinguir as "rodeiras", marcas deixadas polos rodas dos carros durante séculos de trasfega.
En 1991 iniciáronse os traballos de recuperación e restauración dos muíños e o seu contorno, en estado de abandono ata ese momento. O primeiro paso foi dado polos alumnos da Casa de Oficios. Máis tarde, en 1996, o concello do Rosal, a través da Escola Taller, deulle un novo impulso ao proxecto. Desde 1998, o conxunto de Muíños do Folón e O Picón posúen a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).