Interese xeral
Rede de pequenos sendeiros recuperados que nos permiten percorrer e coñecer cumpridamente o Monte Santa Tegra. A ruta principal coñecida como Volta ou Promonte (PR-G 122), na parte máis alta do monte, está acompañada doutros pequenos sendeiros coñecidos como: Camiño da Citania (1), Atallo Vello (2), Camiño da Fonte da Cal (3), Camiño do Concheiro (4) Camiño do Carro e da Cruz do Home, (5) e o Camiño das 14 revoltas (6).
Pódense escoller varias combinacións, sendo posible principiarmos o noso camiño na Guarda, dende o barrio da Cruzada, ben dende a parroquia de Camposancos ou ben dende o curuto do monte que acolle o Centro de Visitantes, así como outros servizos para o sendeirista.
Este conxunto de camiños ofrece un espazo xeográfico de excepcional beleza, con interminables vistas panorámicas sobre o Río Miño, a súa desembocadura e o océano Atlántico, converténdose nun miradoiro único.
Cada senda mantén unha identidade de seu, propoñendo nos seus percorridos a posibilidade de visitar lugares tales coma o Castro de Santa Tegra, o Miradoiro de Areses, A Pedra Furada ou a Cruz do Home, entre outros.
O conxunto de servizos que se encontra en Santa Tegra, con aparcadoiro e restauración, entre outros, son a combinación perfecta para planificar unha xornada enteira e gozar nunha contorna maxistral.
Acceso: Dende o centro da Guarda chegar á Alameda, pasar por diante da Casa da Cultura e coller a estrada de subida ao monte que chega ata o punto de inicio e final da ruta.
Camiños de Santiago: Camiño Portugués pola Costa
Fonte: Turismo.gal