O Pazo que preside a leira, situado na parroquia de San Pablo de Porto, pertence ao Concello de Salvaterra do Miño. Foi construído no ano 1591, uns anos despois que a capela, levantada no ano 1582, en honra de San Mauro ou San Amaro.
Foi a morada principal de Pereira do Castro, liñaxe descendente de Sancho I de Portugal, e así o testemuñan dous magníficos escudos desta familia representados na capela.
O cultivo da viña sempre estivo unido á historia do Pazo e na súa construción pódense ver restos do vello lagar que dan fe que no século XVI xa se elaboraba viño.
A primeira Adega de nova construción levántase en 1988, cando se constitúe a Sociedade Pazo San Mauro.