A vila termal do Balneario de Mondariz está formada por varios edificios que ofertan unha gran variedade de servizos. Destaca a construción histórica do Gran Hotel, de Jenaro de la Fuente, xunto cos seus xardíns, ambos restaurados recentemente. Tamén se deben mencionar o antigo Hotel Sanatorio, proxecto non rematado de Antonio Palacios, onde se levantou o hotel; a estatua de Peinador; e as fontes termais de Troncoso, á que se accede por un paseo polo Tea, e a da Gándara, sobre a que Palacios levantou un pavillón de granito pulido. Finalmente, elementos como o campo de golf, o Museo Municipal da Auga ou o Pazo da Auga, unha nova aposta termolúdica, conforman este gran espazo de lecer.
O promotor desta gran construción foi Enrique Peinador Vela, quen tivo continuación grazas ao seu irmán Ramón. O Balneario viviu momentos de gran esplendor, recibindo a visita de personaxes ilustres e selectos da cultura, do pensamento e da política da época: Castelao, a raíña Isabel de Portugal ou Emilia Pardo Bazán. Posuían imprenta propia coa que lanzaban o semanario La Temporada e a revista Mondariz. Incluso tiñan moeda propia, o Peinador. A Guerra Civil paralizou a vida do lugar, e un incendio en 1973 rematou unha época dourada, hoxe totalmente recuperada e adaptada ao novo século por Javier Solano, actual presidente do Balneario de Mondariz.