O Mosteiro de Santa María de Oia, monumento principal do municipio, comezou a construírse a mediados do século XII, durante o mandato do rei galego Afonso VII. No interior dos seus muros reuníronse monxes que previamente habitaban distintos puntos da comarca. En 1185 pasou a formar parte da Orde do Císter. Conta con elementos románicos, góticos e barrocos, froito das reformas e modificacións que sufriu ata finais do século XVIII. A igrexa presenta tres naves dispostas en planta de cruz latina. O coro é do S. XVII e a fachada de estilo barroco de fins do S. XVIII.
Grazas á súa estratéxica localización (está situado xusto á beira do mar), Santa María de Oia xogou un importante papel na defensa da costa. En 1624 os monxes lograron desbaratar un ataque da flota turca, o que levou a Felipe IV a concederlle ao mosteiro o título de "Real". Tras a Desamortización de 1835 pasou a ser de propiedade privada, aínda que a igrexa funciona como templo parroquial.