VI Festa do Miño en Tui

O río Miño é o gran protagonista da festa que este sábado se celebra en Tui e na que se agardan miles de persoas ao longo da xornada. Deporte, gastronomía, música son só tres dos ingredientes da Festa do Miño que cumpre a súa sexta edición.  

O programa previsto comeza ás 12h na ribeira de Caldelas coa V Romaría Popular. Dende este punto ás 16h sairán os preto de 800 participantes que se agardan no VI Descenso Popular do Miño organizado polo Club Kaiak Tudense. Serán preto de sete quilómetros os que participantes realicen en piragua ata Tui, fronte ás instalacións do Centro Interfederado. ÁS 18.30h dende Salvaterra de Miño, preto da ponte internacional, terá a súa saída o XLV Descenso Internacional do Miño no que van participar 550 padeeiro de 42 clubs españois, portugueses, arxentinos e italianos. A penas unha hora tardarán en completar  os 16 quilómetros percorrido ata a liña de meta en Tui as primeiras embarcacións k2 e k1.

A rúa Lugo acollerá a partir das 20h a VI Festa Gastronómica con nove postos dobres a cargo das asociacións culturais Seixos Albos de Areas, Aloia de Pazos de Reis, Santa Columba de Ribadelouro, Xuntanza  de Randufe, San Xoan de Paramos, O Mosteiro de Pexegueiro, A Insua de Caldelas, Lembranzas da Terra de Guillarei, e Santiago de Malvas. A prezos populares poderanse degustar pratos tradicionais elaborados artesanalmente.

ÁS 22.30h a música en directo será a protagonista co concerto a cargo de Guadi Galego que presentará "Lúas de outubro e agosto" o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, que se publicou en 2009. Estará acompañada no escenario por Guillerme Fernández, Guitarras e coros; Paco Charlín, baixo; e Isaac Palacín, batería e coros. Cunha longa traxectoria musical que comezou no ano 97 formando parte de Berrogüeto, formou parte dos proxectos colectivos: Nordestinas, Espido e aCadaCanto, e ten colaborado con múltiples artistas coma Uxía, Marful, Susana Seivane, Tejedor, Fred Martíns, Capercaille… O ano pasado Guadi Galego foi galardoada co “Premio da Crítica de Galicia”, nomeada aos “Premios da Música Independente” e galardoada co “Premio Bos e Xenerosos” da Fundación Eduardo Pondal.  


Data: 13/08/2016 00:00 - 13/08/2016 00:00