Os concertos, cursos e clases maxistrais terán lugar entre os días 5 e 12 de agosto no Auditorio Municipal
O Festival Groba ultima os preparativos para iniciar a súa cuarta edición, coa que, un ano máis, Ponteareas vaise converter na capital galega da música clásica, e que terá lugar entre os días 5 e 12 de agosto na vila do Tea. Dende que botou a andar, en agosto de 2013, o Festival Groba pasou a ser un referente ineludible dentro do calendario musical do verán galego ao presentar un formato innovador na nosa comunidade no que se mesturan a interpretación, a través dalgúns dos nomes máis salientables do panorama musical actual, coa formación de novos músicos, a través de cursos e clases maxistrais impartidas por eses mesmos profesionais.
“Temos que agradecer o apoio total do Concello de Ponteareas, onde nos topamos cun trato inmellorable”, comentou Rogelio Groba Otero, organizador do festival e director da Orquestra de Cámara Galega, na presentación do festival, acompañado do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e da concelleira de Cultura e Lecer, Hortensia Bautista. “Para Ponteareas é un orgullo ser a capital galega da música de cámara, unha vez máis, e, ademais, cun fito histórico como é o estreo da peza Alba de Gloria, no Ano Castelao, composta polo mestre Rogelio Groba Groba”, indicou o rexedor. “Agradecemos a Orquestra de Cámara Galega, ao seu director e a Fundación Rogelio Groba o traballo na organización deste festival, que estou segura será un novo éxito de participación e público, como en anos anteriores. Tentamos consolidar o festival, porque non hai outro igual en Galiza, mellorando ano a ano”, engadiu a edil de Cultura.
As principais novidades que o festival presenta para este ano veñen vinculadas ao apartado pedagóxico. En primeiro lugar, coa celebración dun curso especial para novos solistas de violín, que será impartido polo profesor Emmanuele Baldini, actual concertino da Orquestra Sinfónica do Estado de São Paulo (Brasil). Participarán neste curso oito alumnas previamente seleccionadas de distintas partes do mundo, aínda que poderán asistir en calidade de oíntes todos aqueles que o desexen.
Catro das alumnas que participan neste curso terán a oportunidade de actuar como solistas no concerto de clausura, onde interpretarán As catro estacións, de Vivaldi. As outras catro farano nun concerto fóra do programa do Festival, que se celebrará o sábado, día 13, na Sala Eisenmann da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, que vén ser unha especie de epílogo do curso e do Festival.
A outra das novidades que teñen que ver coa pedagoxía vai ser a realización dun curso de Biomecánica e prevención de lesións para violinistas, que será impartido pola fisioterapeuta Nerea Carrera e no que se ofrecerán importantes consellos sobre posturas para evitar calquera tipo de mancaduras musculares.
No referido aos concertos, durante todos os días, a partir das 21:00 horas, no Auditorio Municipal e, coma sempre, de balde, este ano volveremos contar con figuras senlleiras do panorama musical contemporáneo. Algunhas xa son coñecidas polos asistentes ao Festival en edicións anteriores, como a violinista Clara Jumi Kang, as violistas Lea Hennino e Kyoungmin Park, ou a pianista Kasia Wieczorek. Xunto a este elenco, nomes relevantes como os violinistas Guy Braunstein, que foi concertino da Filharmónica de Berlín; Emmanuelle Baldini, concertino da Orquestra do Estado de Sao Paulo (Brasil); os chelistas Massimo Macri e Zvi Plesser; a flautista Gili Schwarzman; o pianista Julien Quentin, ou a soprano Ingrida Gapova. Ao seu carón, nomes relevantes do panorama galego, como Alba Reirís ou Bernabé Simes. E, coma sempre, coa Orquestra de Cámara Galega exercendo de “orquestra residente” do Festival.
Contaremos, ademais, coa colaboración dunha das grandes promesas da composición galega, o lugués Luís Álvarez Cabado, do que se vai estrear unha obra que lle foi encargada polo propio Festival: Andante impromptu. Outras estreas importantes nesta edición serán a de dous dos catro concertos que compoñen a colección A roda do ano (os titulados Primavera e Verán), de Rogelio Groba, e un ciclo escrito este mismo ano a partir do célebre discurso de Castelao Alba de gloria, co que o autor ponteareán homenaxea ao polifacético artista, intelectual e político rianxeiro neste Ano Castelao.
Amais destas estreas, outras composicións de Groba xunto a autores habituais do repertorio internacional como Haendel, Brahms, Mendelssohn, Horst, Telemann, Dvorak, Warlock, Robert e Clara Schumann, Prokofiev, Bach, Vivaldi, Medtner, Sibelius, Boccherini ou Beethoven.