Concerto xuntanza cultural en Mos

A Coral Polifónica Ventos do Val celebrará en agosto unha nova edición do seu Concerto Xuntanza Cultural.

Será o día 14 ás 20.00 horas no auditorio do centro Multiusos das Pozas, na parroquia de Petelos

A mosense Coral Polifónica Ventos do Val de Petelos organiza a XVI edición do Concerto Xuntanza Cultural de Corais. É un evento musical pensado polos seus organizadores como un xeito de achegar a música na vertente do canto coral a todos os amantes do canto polifónico, así coma ós interesados en coñecelo máis a fondo.

O concerto celebrarase o domingo 14 de agosto ás 20.00 horas no auditorio do centro Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos. A entrada será libre e de balde para todas as persoas que desexen asistir.

Ademais da anfitriona Coral Ventos do Val participará a Coral Polifónica Santa María de Cueto (Santander). É por elo que dende Ventos do Val consideran este concerto-xuntanza como un intercambio cultural enriquecedor para ambas partes. Deste xeito a agrupación coral mosense pecha un ciclo de concertos e intercambios coma os realizados en Asturias e Cantabria, e as participacións en Misas Maiores nas diferentes igrexas parroquiais do Concello de Mos.

Na súa actuación do 14 de agosto a Coral Polifónica Ventos do Val interpretará un repertorio variado de cancións populares galegas, habaneras, ‘jotas’, boleros e zarzuelas.

Os obxectivos e ilusións máis inmediatos desta coral son mellorar o seu repertorio e conveniar con agrupacións corais doutros municipios todo tipo de intercambios que enriquezan culturalmente a ambos.


Date: 14/08/2016 00:00 - 14/08/2016 00:00