Camino Portugués por la Costa - BAIONA

Esta ruta de peregrinación tiña grande importancia na Idade Media e era utilizada por peregrinos procedentes das terras máis occidentais de Portugal, entre os que incluímos os procedentes de países de ultramar que arribaban aos portos portugueses para chegar ata Compostela.

Dende Portugal cruzaban o río Miño en barca ata A Pasaxe, na Garda, continuando polo Roseira ata o Mosteiro de Oia. De alí, seguían ata Baiona, Nigrán e Vigo ata chegar a Redondela, onde este camiño confluía co Camiño portugués procedente de Tui.

O Camiño Portugués da Costa mantén este percorrido, ao longo dos 147 km, que o peregrino terá que percorrer para chegar dende A Garda ata Santiago de Compostela.

En Baiona, o Camiño da Costa, ofrece ao camiñante paisaxes variadas: dende os montes de Baredo pasando polos camiños do barrio de San Antón, as estreitas canellas do casco histórico, no centro de Baiona ou a antiga calzada real que une O Burgo e Santa Cristina ata chegar á ponte románica da Ramallosa, e sempre co mar moi preto do noso percorrido.

Dende aquí, case 115 km separan o peregrino do seu destino. Ao longo dos 9'7 km que percorren a Vila, o camiñante encontrará numerosos monumentos: a Capela de Santa Liberata cunha imaxe de Santiago ecuestre no seu interior, a Ex - Colexiata de Santa María, con varias imaxes do santo apóstolo, o Hospital Sancti Spiritus, antigo hospital de pobres e enfermos que daba acollida aos peregrinos, a fonte de Ceta, o cruceiro de Santa Trindade, a fonte do Pombal...

Baiona é un bo punto para facer un alto no camiño, xa que preto da ruta nos encontraremos os monumentos máis emblemáticos da Vila como a Fortaleza de Monterreal, a réplica da Carabela Pinta ou a Virxe da Rocha, por non falar das súas praias, situadas a dous pasos do trazado. Ademais o municipio conta con numerosos establecementos hoteleiros e de restauración onde descansar e repoñer forzas.

Onde selar a credencial: na Casa parroquial, no Concello ou na Oficina de Turismo de Baiona.

Onde durmir: Baiona non conta con albergue para peregrinos pero a súa oferta hoteleira é ampla. Albergues máis próximos: Aguncheiro (Oia) e Pazo de Pías (Nigrán).

Características de Rutas a pé

  • Entorno de la ruta Camino de Santiago pola costa